Punto Limpio de A Guarda

O BNG presentou un escrito no rexistro do concello da Guarda sobre a contratación de persoal dunha empresa privada para a recollida do lixo no camión municipal.

Dende o BNG comentan que “lémbramoslle ao Alcalde da Guarda e ao grupo de Goberno que a recollida do lixo é competencia municipal e que ten que ter persoal suficiente para realizalo. Un dos puntos que o goberno do PSOE deberá aclarar é se houbo a subcontratación do servizo ou o convenio asinado coa empresa para poder exercer ese traballo”.

O BNG explica que “o Concello da Guarda pode estar caendo nunha cesión ilegal de traballadores, dado que no caso de existir tal subcontrata os traballadores non poden mesturarse cos do concello nin utilizar medios materiais do mesmo”.

Durante o proceso de redacción da nova ordenanza do lixo, o BNG botou en falta un estudo de custes onde, entre outras cousas, contemplase a plantilla necesaria para este servizo e do que o Goberno municipal sempre escapou”, comentou Ángel Baz portavoz municipal do BNG na Guarda.

Ante esta situación o BNG solicita “ao Alcalde da Guarda e ao seu grupo de Goberno que aclare esta situación dado que non foron satisfactorias as respostas dadas ao BNG no último pleno ordinario”.