A Portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, considera “indecente” que Paco Ferreira se asigne por decreto de Alcaldía o seu propio salario de 50.000 euros ao ano, así como catro dedicacións exclusivas completas de 32.000 e unha parcial do cincuenta por cento para os membros do seu Goberno.
“Constátase así que as negociacións eran só un paripé, como xa comprobamos nas dúas conversas mantidas co propio Ferreira e coas concelleiras Lamas e Lameiro”, reprochou Rodríguez. “O alcalde xa tiña claro o que ía facer dende o primeiro momento, asegurarse unha boa nómina para os vindeiros catro anos, porque iso é o único que move ao grupo municipal do PSOE”.
A portavoz nacionalista afirma que así se recolle no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de hoxe «onde o Alcalde se asegura por decreto o seu propio salario de 50.000 euros e tamén catro exclusivas de 32.000 euros para Nuria Lameiro, Brais Misa, Iria Lamas e Rocío Goberna, máis unha media de 16.000 para José Manuel Chamorro. Un montante total de 194.000 euros que supoñen a mesma contía que no mandato anterior, malia a perda de representación».
Pumar advertiu de que o alcalde envía desta forma unha mensaxe clara á oposición de que “ou nos pregamos ao seu ditado ou imporá o seu criterio a golpe de decreto”. No mesmo sentido, lamentou que esta decisión volve demostrar o “nulo interese” do grupo socialista para avanzar en asuntos fundamentais para Gondomar, como os recollidos na proposta de acordo presentada polo BNG e rexeitada polo PSOE. “Así entende Ferreira a democracia, facer o que lle peta teña ou non teña maioría”, afeou.
Fronte a esta situación, Rodríguez asegurou que o BNG seguirá a disposición da veciñanza e reiterou o compromiso de facer valer o voto determinante das nacionalistas no Pleno para avanzar nas mudanzas que o concello precisa. “Farémolo fronte a este Goberno local que non aprendeu nada do que lle dixeron as urnas e fronte a un alcalde que é incapaz de chegar a acordos e que pretende seguir gobernando dende a soberbia e a prepotencia”, remachou.
Pola súa banda, Antonio Araújo Quintas, de Manifesto Miñor, criticou o «último acto de soberbia política de Paco Ferreira e o primiero do novo mandato desprezando o órgano da soberanía popular que non é outro que o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, auto-adxudicándose os salarios a el mesmo e aos concellerios con dedicacacions exclusivas, aproveitando un suposto valeiro legal, que xa veremos. Ou é que o resto dos gobernos municipais en minoría do País son parvos?».
«Un pésimo comezo de mandato -di Araújo- para quen perdeu a maioría absoluta e vai ter que negociar todo coa oposición. Unha vez máis vemos ao Sr. Ferreira tendendo pontes e dialogando cos grupos que formamos a corporación municipal».
Para o voceiro de Manifesto Miñor «resulta unha burla á Corporación Municipal e á veciñanza de Gondomar en xeral, que un alcalde e un goberno que non foron quen de aprobar un só ano os orzamentos municipais durante todo o pasado mandato, que agora por decreto e sen rubor, detraen duns orzamentos prorrogados e escualidos (en vigor dende 2012), máis de 300.000€ para pagarse a si mesmos. Por moito que lle pese ao Sr. Ferreira, o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar vai ter (debe ter) a última palabra neste asunto».
Araújo remata dicindo que «en MM xa estamos estudando as posibles iniciativas tanto dende o punto de vista legal coma político. Esta nova alcaldada do Sr. Ferreira pola nosa parte non vai quedar sen resposta».