Pleno celebrado en Nigrán
ARCHIVO // Imagen de un pleno celebrado en Nigrán.

Ante a proposta do goberno de Nigrán dunha Declaración Institucional sobre os incendios forestais que arrasaron as parroquias do rural de Nigrán o pasado domingo, o BNG quere expresar publicamente que non permitirá a súa adopción se esta elude mencionar directamente o absoluto abandono no que quedou o concello ante o lume.

A proposta redactada foi entregada polo alcalde ao resto dos grupos aproveitando a Comisión de Asuntos Xerais do pasado xoves, na que se ditaminou favorablemente a moción do BNG relativa á situación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor (GES). Pois ben, o obxectivo era que posteriormente os grupos políticos puideran analizala e propoñer, de ser o caso, algunha modificación, a pesar de que ao día seguinte xa foi distribuída aos medios de comunicación.

En concordancia co que se falou, o BNG de Nigrán trasladará aos demais grupos unha proposta de inclusión concreta da falla de medios de extinción externos que, de seren incorporada, propiciará a adopción da Declaración Institucional no Pleno do vindeiro xoves.
Neste sentido queremos lembrar que as declaracións institucionais só poden adoptarse co acordo de toda a corporación.

A maiores disto, no BNG de Nigrán esperamos que a desafortunada e caótica situación sufrida en Chandebrito sexa obxecto dunha especial e particular investigación, non tanto para buscar responsabilidades senón para detectar os fallos e decisións erradas que puideron terse cometido, co obxectivo de evitar que calquera outro día volvan a repetirse exactamente igual en calquera outro punto de Galiza. Tal que así llelo trasladamos a Luís Bará, o noso cabeza de lista nas pasadas eleccións autonómicas pola provincia, e a Ana Miranda, a nosa representante no Parlamento Europeo, na visita que fixeron á parroquia.