O portavoz do BNG no Concello da Guarda, Anxo Baz, fixo público que o BNG ven de presentar por rexistro un escrito esixindo a paralización das obras de humanización da contorna da Igrexa de Santa María mentres non se adapte o proxecto ás recomendacións da Dirección Xeral de Patrimonio.

O informe de Patrimonio emitido en xaneiro de 2021 indica entre outras consideracións que o proxecto do Concello “enche e satura o espazo de mobiliario, que tamén supón un obstáculo para a apreciación dos bens do patrimonio cultural”. Noutro momento o informe di que se trata “dun axardinamento estraño da contorna, sen orde ningunha, con plantas alleas ao lugar”.

O informe de patrimonio tamén manifesta que “para revalorizar o petróglifo que existe neste espazo deberíase considerar destapar unha superficie máis ampla da rocha sobre a que está gravado e recuperalo integrado nun espazo de zona verde que podería funcionar como elemento disuasorio dos vehículos”.

Anxo Baz declara que “as indicacións de patrimonio coinciden no esencial coas reivindicacións da veciñanza da contorna”.