Archivo

No pleno extraordinario celebrado no día de onte por petición do BNG para desbloquear a tramitación do novo acceso ao Porto da Guarda, «PP e PSOE puxéronse de acordo para votar en contra da opción recomendada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia defendida polo BNG«, apuntan os nacinalistas.

O portavoz do BNG, Anxo Baz, na súa intervención diante do Pleno denunciou que «o goberno municipal do PSOE e o alcalde ocultaron desde o mes de marzo aos guardeses os informes negativos da Dirección Xeral de Patrimonio e doutras administracións ao trazado que pretenden o PSOE e o PP».

Noutro momento da súa intervención fixo fincapé en que se trata de optar polo trazado máis viábel para desbloquear a súa tramitación, «dado que a opción que defenden PSOE e PP xa foi informada negativamente por Patrimonio, ademais de ser 450.000 euros máis cara». A pesar da contundencia da argumentación do nacionalista, «PP e PSOE, puxéronse de acordo para votar en contra da proposta defendida polo BNG e tirar abaixo a única opción para que esta tramitación non se dilate no tempo e acabe esquecida nun caixón», advirte Baz.

Anxo Baz rematada a sesión declarou “hoxe quedou de manifesto que para construír o novo acceso ao porto é necesaria unha nova maioría na corporación municipal da Guarda que pule realmente por este acceso que é vital para o noso pobo”.