Os Bombeiros Forestais de 6 meses do Distrito XVIII Vigo-Baixo Miño denuncian ante a opinión pública «o nefasto comezo da campaña 2024 desde o pasado luns 15 de abril: a ausencia total de dotacións mínimas imprescindibles nos vestiarios da Escola Obradoiro de Goían. Nin taquillas para gardar as nosas pertenzas nen bancadas para mudarse, nin mesas e unhas cadeiras nas instalacións ate o día de hoxe, nunhas instalacións que o Concello de Tomiño cede desinteresadamente».

Afirman que «a improvisación, desidia, a completa deixadez por parte dos responsables do Distrito Forestal este ano é total. Amosa unha falta de organización cando son coñecedores con antelación suficiente do inicio da campaña e o peor: a ausencia dunha consideración mínima cara os seus traballadores/as polo que compre lembrarlle primeiramente que antes que operarios do servizo somos persoas, cidadáns/as».

Os traballadores urxen a inmediata reposición das dotacións mínimas, como taquillas e bancadas (como era habitual en anos anteriores), nunhas instalacións que non son propias, nin completamente axeitadas «segundo valorou anos atrás a inspección servizo de prevención de riscos na súa avaliación de riscos e non se corrixen as deficiencias», apuntan.

Os traballadores puxeron ao corrente tanto ao Distrito xa desde o primeiro día de traballo efectivo con comunicacións tanto en acta, coma por correo electrónico e tamén comunicándollo ao Comité Provincial de Persoal

«Para máis INRI, a Consellería do Medio Rural decreta, que a partir do martes 24 o ALTO RISCO DE INCENDIOS, é dicir, a disponibilidade plena do Servizo para as emerxencias incendiarias e non son quen de dotar de medios materiais mínimos para nos poder acondicionar e atender as emerxencias coma é debido con un vestirario«, comentan.

«Mal comeza a nova Conselleira de Medio Rural, se non ten un coñecemento mínimo da organización e das condicións do estado dos traballadores do seu Servizo. Semella ser, unha chosca visión de conxunto SPIF (servizo de prevención de incendios forestais), na que os Distritos semellan comportarse coma reinos de taifas pola nosa deficiencia de dotacións en particular, e a xeral, expresada nos medios de comunicación nestes días a mesma Conselleira, coma unha eiva xenética de Galicia o mal dos incendios, cando calquera do eido (ben informado) sabe que o problema é de ordenamento do noso territorio e o sistema produtivo», rematan.