Brassica Rapa

A primeira fanfarria galega totalmente feminina, «Brassica Rapa», ofrecerá concerto este venres, ás 22:30 horas, na Praza do Seixo de Tomiño.

Trátase dunha brass band nada a finais de 2017 buscando darlle unha volta ao concepto de charanga. Formado integramente por mulleres, tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, coa que a festa está asegurada. Trompeta, trompa, dous trombóns, un saxo alto, unha tuba, unha caixa e un bombo compoñen a súa formación, que pretende reivindicar a presenza da muller neste tipo de agrupacións a través da festa.

Brassica Rapa ofrecen un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal con multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos do pop a música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Buscan sobre todo influencias das brass bands neoyorkinas, pero tamén das big bands ou das charangas tradicionais. As compoñentes veñen de distintos percorridos dentro do mundo da música, e de agrupacións como Liska!, Banda Xangai, Timparrantela ou Biribirlocke.