ALFREDO // Peaje de Vincios

O Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto, CABE, presentou unha proposta de acordo pedindo a supresión da peaxe da Autoestrada do Val Miñor AG 57, tanto no próximo pleno ordinario do mes de febreiro no Concello de Gondomar como no próximo Pleno da Mancomunidade do Val Miñor.

Esta autoestrada comunica ao Val Miñor  (Baiona, Nigrán e Gondomar) e da servizo tamén aos concellos do Baixo Miño ( O Rosal, A Guarda, Tomiño, Tui e Oia) coa cidade de Vigo, a Universidade ou Porriño. Estamos a falar de máis de 100.000 habitantes que se poden facilmente duplicar en períodos estivais.

Dende a súa inauguración o 24 de maio de 1.999, vai para 17 anos, e en distintas etapas, practicamente todos  os grupos políticos do Val Miñor xunto con diversos e múltiples colectivos veciñais, sociais e empresariais,  pediron que este tramo da rede viaria quedara libre da peaxe.

Xa toca e non cabe esperar. Esta Autoestrada AG-57 é de titularidade autonómica, da Xunta de Galiza. Suprimida a peaxe no tramo do Morrazo e máis recentemente o de Redondela (de titularidade estatal), debemos de novo incidir na supresión da peaxe da AG-57,” indican dende CABE.

Os motivos é porque está a ser infrautilizada e non cumpre coa súa función primordial que é a de ser a circunvalación dos tramos urbanos de Gondomar, Nigrán e Baiona. Porque evitaría moitos dos atascos e accidentes que debido á densidade de tráfico no Val Miñor cara a Vigo e ao contrario se producen acotío. (Claro exemplo o temos agora co Plan de seguridade da estrada PO 331 ao seu paso por Vincios por mor dos puntos negros e repetidos accidentes (densidade diaria de tráfico entre 10.000 e 15.000 vehículos por día), afirman.

Tamen explican que é “porque a eliminación da peaxe suporía o aforro en diversas infraestruturas que debido á negativa do Goberno autonómico para liberalizar o seu uso, preténdense realizar como alternativa ao conxestionado tráfico da bisbarra do Val Miñor.  A alternativa xa está feita e chamase autoestrada AG-57“.

Unha demanda xusta e asumida e reinvindicada como tal polo conxunto da poboación do Val Miñor.  Polo que dende Gondomar Concello Aberto levaremos ao Pleno do Concello de  Gondomar e ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor, a exixencia da retirada da Peaxe da Autoestrada AG 57 e que se remita a proposta aos concellos de Nigrán e Baiona para que adopten, se así o estiman, un acordo no mesmo senso“, finalizan dende CABE.