Carmela Silva
Carmela Silva

Cando descubrín o feminismo dinme conta que non me ían poder parar, porque tiña un arma que non facía dano, que non mataba, a arma do pensamento feminista”. Carmela Silva fixo este xoves unha defensa férrea da importancia do feminismo para a sociedade nun coloquio organizado pola Agrupación Socialista de Baiona.

De nena dicíanme que non preguntase tanto, que non falase tanto, que non me sentase no centro… Pronto entendín que era por ser muller”, contou a presidenta da Deputación de Pontevedra ante un salón ateigado de veciñas e veciños da vila.

“Non só nos dicían o que tiñamos que facer, senón que nos silenciaron, nos quitaron dos libros de historia”, continuou defendendo Silva, que sinalou que o feminismo “é un proxecto colectivo e emancipador. Nós defendemos querer ser. ¿Como alguén nos pode negar o dereito a ser?”, preguntábase a dirixente socialista. “Pois iso é o que fai o machismo”.

Silva quixo lembrarse das “984 mulleres asasinadas desde 2003” por violencia machista, unhas cifras que considera “inaceptables”, preguntándose como reaccionaría a cidadanía se en vez de mulleres fosen asasinados por terrorismo.

O que pasou o ano pasado foi un fito histórico”, asegurou sobre a mobilización do 8M de 2018, e tras facer un repaso as anteriores tres ondas do feminismo asegurou que a cuarta, na que nos atopamos agora, está disposta a “rachar cos teitos, que non son de cristal, son de formigón armado”.

Xunto a Carmela Silva participaron Concepción Vara, secretaria de igualdade do partido en Baiona; María Pierres, deputada socialista autonómica e responsable de igualdade; e Susana Pérez, presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, que foron presentadas por Carlos Gómez, candidato socialista á alcaldía de Baiona.