Roi Casal

O Concello de Nigrán ofrece este sábado en Chandebrito a segunda edición do festival ‘Chan de Folk’, evento que fusiona a xa popular noite de observación das perseidas na parroquia co concerto de Roi Casal, ‘Son Galego, Son Cubano’ (21:30 horas), espectáculo financiado dende a Deputación de Pontevedra a través de Musigal. Conta ademais coa colaboración da Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños ‘O Castro’.

A sesión posterior ao concerto adicada a contemplar as bágoas de San Lourenzo (23:30 horas e se as condicións atmosféricas o permiten) contará novamente con guías da Agrupación Astronómica Coruñesa, que ofrecerán as súas explicacións nun punto da parroquia alonxado de toda contaminación lumínica e con gran bóveda celeste.

Os interesados en acudir ao festival, de non coñecer o lugar, poden presentarse ás 20:30 horas no Concello de Nigrán en vehículo propio (o campo de fútbol Chandebrito funcionará como aparcadoiro, xa que está pegado á carballeira onde se celebrará o concerto e posterior saída á observación). Haberá cantina con venda de bebidas e choripáns.

O Concello de Nigrán iniciou a actividade de observación das perseidas en Chandebrito en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas, foi o ano pasado cando creou o festival ‘Chan de Folk’ que une definitivamente música e estrelas nunha mesma xornada. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán, sendo unha proposta máis para dar a coñecer esta parroquia do interior con gran riqueza natural, patrimonial e etnográfica.

As perseidas toman o nome da constelación de Perseo porque debido a un efecto óptico da a sensación de que todas veñan desde ese mesmo punto. Tamén son denominadas «bágoas de San Lorenzo» pola proximidade ao seu pico máximo o 10 de agosto (festividade do mártir español do mesmo nome). Non son estrelas fugaces, se non meteoros moi brillantes que viaxan a 59 km/segundo, deixando ás veces unha estela ao seu paso. A súa afluencia é de 100/150 á hora e o seu causante é o cometa 109 P/swift-Tuttlem, que se fragmenta cada vez que a terra cruza a súa órbita.