Promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas é a finalidade do espectáculo teatral ‘O Valo’, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que esta fin de semana inicia una nova xira en Nigrán, concello que ostenta a Presidencia da entidade na figura do alcalde, Juan González.

Será o sábado 21 de abril, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal, no marco do ‘Mes do Libro’ que celebra en abril o Concello de Nigrán e está dirixida a un público familiar (ideal de 8 anos en diante). Pola mañá, ás 12:00 horas, terá lugar un contacontos na Praza do Concello a cargo do escritor de literatura infantil Miguel Ángel Alonso Diz.

Baseada no texto homónimo que recibiu o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. O obxectivo da obra é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxen, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles.

Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. ‘O valo’ está escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.