Mougás acolle un dos concertos que a Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211, ofrece no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais.
O recital, que incluirá un divertido repertorio de pezas de música clásica, terá lugar este sábado na Casa da Cultura de Mougás, a partir das 19.00 horas. A entrada será gratuíta ata cubrir o aforamento.
Este concerto é un dos actos programados pola asociación Piueiro con motivo da celebración do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais que se desenvolverá do 11 ao 14 de xullo na Guarda. Precisamente, esta localidade do Baixo Miño acolleu, o pasado abril, o primeiro dos recitais da orquestra infantil e xuvenil de Vigo, ao que agora se suma o do sábado no concello de Oia e un terceiro que terá lugar o domingo no Rosal (19.00h no Auditorio).
Tendo en conta que un dos obxectivos da Kv211 é de tipo social, estes concertos dedícanse a Avelaíña, unha entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública e integrada por persoas con enfermidades mentais, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.