O Pazo de Pías da Ramallosa gardou durante centos de anos unha documentación importante para a historia do Val de Miñor. Grazas ás investigacións do polifacético doutor en Historia da Ciencia Miguel Álvarez Soaje, podemos hoxe coñecer mellor a dous ilustrados galegos do século XVIII: Antonio e Anselmo Arias Teixeiro. Un bisneto deste último foi o famoso José Arias Teixeiro e Correa, nacido en Pontevedra, onde seu pai foi alcalde, e finado no seu pazo da Ramallosa en 1869.
A conferencia de Miguel Álvarez Soaje, coñecedor da historia da ciencia e das boticas monacais, descubriranos a influencia que tivo en Galicia a figura singular do pensamento medieval Ramón Llull. A Galicia do século XVIII estará luminosa na presentación dos ilustrados irmáns Arias Teixeiro.
A conferencia será este mércores, 7 de novembro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (local do IEM), Gondomar.