Os grupos municipais do BNG e PSOE convocan a veciñanza para analizar a proposta de Plan de Transporte presentada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e presentar as alegacións necesarias para ofrecer nos próximos anos un servizo de transporte público digno para a xente do Concello.

Segundo estes grupos políticos, “no borrador presentado pola Consellería non se ofrece ninguna liña de transporte para as parroquias do interior de Oia. Tamén presenta moitas deficiencias o servizo pola costa”.

Os grupos municipais do BNG e PSOE consideramos moi grave esta situación, que condena as parroquias de Burgueira e Loureza sen un servizo indispensable e deixa desconectados os núcleos de poboación do Concello”, aseguran.

“De momento temos a posibilidade de solucionar este problema presentando á Consellería alegacións para que nos concedan as liñas necesarias para acceder a servizos fundamentais coma os institutos ou o Centro de Saúde”, explican.

O BNG e o PSOE están elaborando unha proposta de transporte que atenda as principais necesidades da poboación do interior do municipio e tamén que mellore o servizo das liñas costeiras.

Pedimos”, dicen “a convocatoria dun pleno extraordinario para presentarmos conxuntamente desde o Concello a solicitude dun servizo de transporte que responda ás necesidades de toda a veciñanza de Oia. Queremos contar co apoio dos veciños e veciñas para esixirlle á Consellería que atenda as nosas necesidades de transporte público”..

Horarios convocatoria:

  • Martes 13 de agosto, ás 20:00 horas na casa do médico de Burgueira.
  • Mércores 14, ás 20:00 horas, na Abadía de Loureza.