A Comunidade de Montes de Man Común de Couso en vinculación cooperativa coa Asociación Verdeval remataron o proxecto que agora presentan como o “Bosque da Lingua”. Trátase dun área de 40.000 metros cadrados situada na zona de As Rasas, dentro da parroquia de Couso, Gondomar.

«Un lugar para interiorizar as artes (plásticas, visuais, escénicas, literarias), a ciencia, o compromiso ecolóxico, o monte vivo, palestras. Un enclave para gozar de propostas lúdicas en equilibrio coa natureza. Unha ambiciosa proposta que fomenta a cultura medioambiental, aberta ás persoas e a humanidade, co obxectivo de preservar a conservación da natureza, de difundir e vivenciar o noso patrimonio cultural, particularmente ao noso idioma«, sinalan dende a Comunidade de Montes de Man Común de Couso.

Dende a Comunidade indican que é unha porta aberta ás institucións colaborativas que participan no proxecto, a todas as persoas con sensibilidades medioambientais e culturais así como a centros educativos, comunidades escolares, sexa de grao básico, medio ou superior e tamén a centros de adultos ou de alumnado con necesidades educativas…

O deseño desta proposta está integrado na Axenda 20/30 das Nacións Unidas. Neles proponse conseguir antes do 2030 obxectivos como os incluídos no proxecto do “Bosque da Lingua”: Educación de calidade, igualdade de xénero, auga limpa e saneamento, enerxía asequible e non contaminante, traballo decente e crecemento económico, cidades e comunidades sostibles, produción e consumo , acción polo clima, vida de ecosistemas terrestres…

Contémplanse actividades como:

  • Cadernos didácticos sobre o uso do Bosque da Lingua.
  • Presentación de libros.
  • Lecturas colaborativas.
  • Celebración de homenaxeados/as en datas significativas.
  • Obras de teatro.
  • Monicreques.
  • Obradoiros de creación literaria.
  • Recitais poéticos.
  • Contacontos no Bosque.
  • Arte con lingua.
  • Concertos.
  • Biblioaventuras no Bosque.
  • Cine ambiental.
  • Xogos tradicionais / Xogo libre.
  • Calendarios científicos do Bosque.
  • Letras Galegas.
  • Artes Galegas.
  • Radio bosque.
  • O bosque das historias.
  • Campamentos.
  • Celebración de días ambientais sinalados.
  • Investigación.

Un proxecto desta envergadura precisa de importantes recursos humanos, materiais ou económicos. A asociación Verdeval, a Comunidade de Couso e a seccións de Promoción de Uso do Galego do IEM están abertas ás comunidades educativas do Val Miñor, aos concellos, comunidades de montes, asociacións veciñais e calquera outra institución que comparta os obxectivos do proxecto “Bosque da Lingua”.

No que respeita aos recursos materiais está contemplada unha importante batería de medios específicos como: Zona de recibimento, parque de ocio, anfiteatro, áreas de investigación, lugares de creación, paneis e sinalizacións de recursos naturais, obradoiros, zonas de xogos, mapas do bosque da lingua, árbores literarias, árbores da arte…

Preténdese dar unha especial vida ao Parque de xogos pensado para as novas xeracións, onde se contemplan elementos tan singulares ou especiais como: a asemblea de tocóns , bancos de madeira, mesas cubís, conxuntos de troncos, cociña-laboratorio, mesas de experimentación, hotel de bichos, casiña, mámoa túnel, camiño de troncos, casiña triangular, asemblea de troncos, metelófono, pasarela…

Para facer fronte ao cuantioso orzamento de 21.655 € que custa a posta en marcha do proxecto,a Comunidade de Montes de Man Común de Couso en vinculación cooperativa coa Asociación Verdeval activan un crowdfunding participativo aberto á sociedade que contén un abano amplo de modalidades de achegas persoais que van desde os 10 ata os 300 euros. Cada modalidade inclúe un paquete de servizos ou dereitos.

As colaboracións faranse directamente a través da web dos Montes de Couso, na páxina especial dedicada ao Bosque da Lingua:

Proposta crowdfunding Bosque da Lingua

  1. 10 €: Entrada concerto de música tradicional e mención no bosque da lingua.
  2. 30 €: Entrada concerto + mención + 2 botes de marmelada
  3. 50 €: Entrada concerto + mención + 2 botes marmelada + tronco para cultivo para shiitake
  4. 100 €: Entrada concerto + mención + 2 botes marmelada + tronco shiitake + entrada para zona de baño durante 5 anos + 1 bote paté de shiitake
  5. 200 €: Espazo na zona do bosque das memorias
  6. 300€: Entrada concerto + mención + 2 botes de marmelada + tronco shiitake + entrada zona de baño + espazo bosque das memorias + 1 bote paté de shiitake