Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor
CEDIDA Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor

Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor inicia o segundo ano de actividade cun proxecto de educación medioambiental en Nigrán, coa creación dun viveiro de árbores autóctonas.

O proxecto e froito da cooperación co CEIP Cruz de Camos, a Comunidade de Montes de Camos, que cede o terreo, e a Asociación Avelaíña de saúde mental de Baiona. Conta tamén co asesoramento e guía de Afonso Rodríguez, educador medioambiental.

O obxetivo do proxecto é sensibilizar á sociedade da necesidade da recuperación dos  bosques e o respecto á natureza e a diversidade, dende a idade máis temprana. Consiste na creación dun viveiro forestal paso a paso: recollida de sementes, xerminación, plantación, mantemento e transplante das arboriñas.

As actividades están encamiñadas a que as persoas participantes sexan parte activa da aprendizaxe a través da investigación, acción no campo e colaboración, nun marco inclusivo e de diversidade. O pasado venres día 16 realizouse a primeira saída o Parque Forestal de Saians de Vigo, no que se recolleron landras e sementes de distintas árbores autóctonas.

A segunda actividade realizada o día 19 consistiu nun encontro no CEIP Cruz de Camos, no que se fixo unha selección das mellores landras, se mostraron diferentes maneiras de conservalas ata a súa xerminación e se realizou plantación directa en envases para a posterior plantación no terreo en primavera.

O calendario de actividades abarcará os coidados das arboriñas ata que medren e sexan o suficientemente fortes para pasar a súa localización definitiva, contribuíndo a reforestar os montes arrasados polo lume en Camos.