MELYTOUR

A veciñanza afectada pola supresión liña de Melytour por Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso, denuncian o incumprimento por parte do Alcalde de Gondomar, Paco ferreira, do acordado na asemblea veciñal celebrada hai xa dúas semanas.

“Dúas semanas despois de se ter comprometido coa veciñanza afectada, e de sair nos medios de comunicación anunciando a bombo e platillo que todo ía estar resolto nuns días, os arranxos están sen facer e as persoas afectadas seguimos sen ter o servizo de transporte que precisamos. Nótase que o Alcalde ten o seu transporte resolto e non ten que usar o autobús.” manifesta a voceira da Asamblea Veciñal, Manuela Rodríguez Pumar.

As persoas afectadas indican que de nada lles serve que o Alcalde estivera presente na concentración do pasado día 7, nin que, ante a presión social, se reunira con elas, se logo todo se reduce a saír na foto e a facer declaracións públicas para poñerse medallas diante da opinión pública.

Os vecinos anuncian novas accións para denunciar a súa situación e transmítenlle ao Alcalde que non se conforman con palabras baleiras, que esixen solucións.