O Concello de Nigrán festexou esta luns o Día Internacional do Libro no CEIP Carlos Casares de Vilariño, coa presentación do gran mural pintado na súa fachada pola recoñecida artista baionesa Lula Goce, e a plantación de 40 castiñeiros nun terreo municipal anexo bautizado como ‘Souto Carlos Casares’.

Aos actos acudiu o alcalde de Nigrán, Juan González, e os dous fillos de Carlos Casares, Hakan e Christian, que ademais foron alumnos do centro.

O Concello contratou a Lula Goce a petición do colexio para o seu proxecto escolar anual ‘Artistas do Val Miñor’. O CEIP homenaxea con esta gran pintura á obra infantil de quen foi o seu veciño, Carlos Casares, xa que o mural se basea en ilustracións que representan aos personaxes de “A galiña azul”, “As laranxas”, “O Can Rin e o Lobo Crispin”, “Toribio” e “Lolo”, sen faltar un chisco das afeccións persoais do escritor (como a fotografía ou os trens) ou a súa faceta de tradutor de obras como ‘O Principiño’.

A artista baionesa Lula Goce enlaza todo elo a través da imaxinación dun neno que le, plasmado co impresionante hiperrealismo e delicadeza que caracterizan os seus murais. O CEIP Carlos Casares, a través do seu proxecto escolar ‘Artistas do Val Miñor’, continúa deste xeito difundindo o talento e obra de artistas da comarca.

“Estamos seguros de que o noso pai estaría encantado con este gran mural, primeiramente porque é no colexio de Vilariño, lugar onde el decidiu vivir, e logo porque está adicado aos nenos e ao fomento da lectura. Se ademais ledes tódolos días un pouco, seguro que o meu pai se sentiría moi orgulloso“, díxolle Hakan aos nenos.

Posteriormente, os fillos de Casares, Lula Goce, e o alcalde de Nigrán acudiron cos nenos á plantación do souto ‘Carlos Casares’ e bautizaron as súas propias árbores, para o cal o Concello mercou 40 castiñeiros e cedeu o terreo anexo ao colexio, onde anteriormente había eucaliptos e acacias.