O Concello de Nigrán pon fin esta tardiña á segunda edición do seu festival ‘Solpor’ co concerto de Daniela Dicosta, The Hendersons e Phantom Club. O evento musical, que une á sublime localización e vistas do miradoiro de Monteferro coa música en directo dos mellores grupos locais, reuníu onte a máis de mil persoas que se achegaron a gozar de Nadie es Perfecto e Blackstereo.

Neste enclave único, volverá a ter lugar hoxe dende ás 20.00 horas e de xeito gratuíto os concertos de Daniela Dicosta, The Hendersons e Phantom Club, todos eles grupos con fondas raíces na comarca.

O obxectivo deste festival creado o ano pasado é gozar da música ao aire libre e nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permiten vivir experiencias musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo.