Nigrán será sede este fin de semana da segunda proba da Liga Nacional de Raids de Aventura, respaldada pola Federación Española de Orientación (FEDO) e a Galega co apoio do Consejo Superior de Deportes e LaLiga4Sports e o propio Concello de Nigrán.

Trátase da primeira vez que a comarca de Vigo celebra unha proba que combina orientación e deporte, competindo nela 178 corredores de toda a península repartidos en 61 equipos de 3 membros. Este raid, de 18 horas de duración non-stop, foi presentado hoxe oficialmente e arrancará o sábado ás 12:00 horas dende o Colexio de Panxón para percorrer diferentes puntos do Val Miñor en kaiak, a pé ou en bicicleta de montaña, rematando o domingo ás 6:00 da madrugada como tope.

No Raid hai dúas categorías, a categoría élite cos tres integrantes sempre en carreira; ou en categoría de Aventura, na que os corredores se van intercambiando ao longo do percorrido, sempre con dous en carreira e un descansando. Ademais, nesta proba haberá unha categoría de promoción para grupos de 2 a 6 participantes que desexen iniciarse. Os equipos deben competir en  autosuficiencia, sen axuda exterior.

A competición combinará 4 disciplinas: o Kaiak (8 km entre Praia América e o esteiro de A Foz), trail (tramos de 20 km+11km+13 km por Monteferro, Galiñeiro e Chan da Lagoa), bicicleta de montaña (100 km entre Panxón, Galiñeiro e Chan da Lagoa), trekking, e unha pequena parte de escalada.

A progresión dos equipos durante a proba é posible seguila en Vivo na plataforma: Tracktherace.