O departamento de Patrimonio da Deputación vai repartir 390.948 euros en axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 48 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.
Na comarca do Baixo Miño beneficiaranse o concello da Guarda, con 5.110 euros para a limpeza e acondicionamento do lavadoiro de Pintán; o concello do Rosal, 6.636 euros, para a sinalización da ponte do río Tamuxe e de tres retablos de petos de ánimas; e o concello de Tomiño, con 16.281 euros, para a rehabilitación do lavadoiro da Portela en Sobrada.