Deputación elixe Tomiño para celebrar a gala coa que remata o Ano Da Lingua

Seguindo coa súa filosofía de descentralizar os actos principais e realizalos en diferentes puntos da provincia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación elixiu Tomiño para celebrar a Gala coa que remata o Ano da Lingua.

Así o anunciaron esta mañá a alcaldesa da localidade, Sandra González, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, nun acto no que estiveron acompañados pola artista tomiñesa Andrea Pousa. “Nesta política de descentralizar os actos importantes que ten a Deputación, estamos moi agradecidas que se elixira Tomiño para a celebración desta gala porque, a pesares de estar nunha esquina do mapa provincial, temos un auditorio coas condicións técnicas suficientes para acollela” manifestou Sandra González.

Hai que lembrar que a primeira Gala, a correspondente ao Ano Castelao no ano 2016, se celebrara en Pontevedra, e que a segunda, a do Ano do Patrimonio no ano 2017, tivera lugar en Cangas.

A alcaldesa asegurou que “esta Gala é importante para a cultura do noso país e da nosa provincia porque pon en valor o noso idioma” e neste sentido agradeceu á Deputación “o seu compromiso coa lingua e a sensibilidade para promovela”. Por último, tamén anunciou que desde o Concello se fará toda a difusión posible para encher o Auditorio de Goián “e celebrar a lingua de todas as maneiras, cantándoa, teatralizándoa, ou poetizándoa”.

A alcaldesa facía así referencia ás diferentes disciplinas artísticas que estarán presentes nesta cita. “Introducimos diferentes disciplinas e diferentes estilos tamén para visibilizar todo o traballo realizado desde os campos que formaron parte da programación do Ano da Lingua” asegurou Xosé Leal ao respecto. O deputado lembrou que esta Gala segue a mesma liña de compromiso coa defensa e posta en valor da cultura e da lingua galegas que se leva realizando desde o inicio do mandato, e con máis incidencia se cabe neste Ano da Lingua. Un compromiso que se quere exemplificar, desde o departamento de Cultura e Lingua, ofrecéndolle ao público a oportunidade de gozar dun programa conformado por artistas que á súa vez tamén destacan na súa traxectoria profesional polo seu compromiso co idioma e a cultura do país, e que son recoñecidas polo seu traballo neste eido.

Precisamente o deputado nacionalista quixo poñer o foco en que o cartaz desta edición “é totalmente feminino, para recoñecer de xeito visible o traballo que están facendo as mulleres no eido da música, que sempre o fixeron pero que non sempre se visibiliza o suficiente”. Así, a imaxe gráfica do cartaz é obra da deseñadora pontevedresa, Ana Seoane, e inclúe as actuacións musicais da coñecida artista tomiñesa Andrea Pousa, e de formacións de primeira orde no panorama musical galego actual como son A banda da loba e Leilía. Tamén contará co espectáculo aéreo de Rebeca Santos, cunha performance realizada ad hoc para este evento pola poeta Tamara Andrés, e será presentada pola actriz Isabel Risco.

Andrea Pousa, que tamén estivo esta mañá na presentación da Gala no Concello de Tomiño, asegurou que “é un luxo compartir cartaz con este pedazo de compañeiras” e amosou o seu agradecemento por ter a oportunidade de poder participar nunha Gala destas características e ademais no seu concello. Andrea Pousa coincidiu con alcaldesa en augurar que, con este cartaz, o 8 de decembro o Auditorio de Goián terá un cheo absoluto de público.

Ademais da Gala en si, que terá lugar no Auditorio de Goián ás 20:00 horas do 8 de decembro, ese mesmo día tamén se programan dúas actuacións en horario de mañá. Están previstas para as 12h na praza do Seixo –en caso de choiva trasladaranse ao Mercado- e consistirán no Concerto Punkinfantil, para público infantil e familiar, e nunha actuación de Blues do País, nunha sesión vermú.

A entrada para asistir á Gala será gratuíta previa retirada de convites, e a comezos da semana que vén farase público onde se porán a disposición do público e que número poderá retirar cada persoa.