Nigrán conmemora o día internacional da eliminación da violencia contras as mulleres

Nigrán súmase á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa celebración esta semana de diversos actos alusivos. Así, coincidindo co Black Friday e a iniciativa do Centro de Información as Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán, máis de 150 establecementos do municipio «vestirán» dende o venres os seus escaparates de negro en sinal de loito polas víctimas de maltrato (moitos xa iniciaron a campaña).

Ademais, tamén o venres 23 na Praza do Concello, o goberno de Nigrán lerá o manifesto deste ano, acto que se repetirá o domingo ás 13:00 horas antes do concerto de ‘Blues do País’ programado por tal motivo no Auditorio Municipal. Xa o luns, o CPI de Panxón acollerá un espectáculo de acrobacias e performance a cargo dos propios alumnos, que deseñaron a actuación tendo en conta esta data.

Baixo o lema ‘Nigrán en Negro’ o Concello propón novamente «vestir» de loito os escaparates, maniquíes, mesas dos restaurantes, locais de entidades ou mesmo o propio persoal traballador en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela.

O Concello sumouse o ano pasado a esta campaña de sensibilización cidadá titulada #EnNegroContraAsViolencias coa participación de cen locais, e este ano serán máis de 150.