Punto Limpo da Guarda

A Deputación de Pontevedra investirá 28.604,08 euros na adaptación do punto limpo de A Guarda, co obxectivo de acondicionalo de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española para o tratamento do “lixo tecnolóxico”.

A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, o punto limpo estea plenamente operativo no primeiro trimestre de 2019.

No caso de A Guarda é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.