A Deputación de Pontevedra investirá 55.597 euros na adaptación dos puntos limpos de Gondomar e Nigrán, co obxectivo de acondicionalos de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española, vixente dende o ano 2015, para o tratamento do “lixo tecnolóxico”.
A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, os puntos limpos estean plenamente operativos no primeiro trimestre de 2019.
Nos “ecocentros” de Gondomar é Nigrán é preciso subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.
No que atinxe ás obras, no punto limpo de Gondomar vaise construír un almacén propio de RAEE, totalmente pechado, con soleira impermeabilizada e arqueta para recollida de posibles derrames. No nivel inferior haberá un edificio para almacén e reutilización. Instalarase iluminación e tamén de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O orzamento concreto para este punto limpo é de 35.637,19 euros.
En Nigrán obrarase para dotalo de nova iluminación e colocación de portas corredoiras con peche de seguridade. Construirase un edificio no nivel superior, apegado ao existente, para reutilización que poderá ser utilizado tamén como almacén de RAEE. Tamén será dotado de sistema de protección antiincendios e paneis indicativos. O custo en Nigrán ascende a 19.960,05 euros. O prazo de execución en ámbalas dúas obras será, unha vez adxudicadas, de dous meses.