Este martes tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Baiona a entrega de premios a dous alumnos do CPI Cova Terreña que veñen de gañar dous galardóns en sendos concursos autonómicos.

O alumno Carlos López Padrón, de 4ºESO B, é o gañador de toda Galicia do II Concurso Literario sobre Protección de datos organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) na categoría 3º-4º ESO.

O traballo foi presentado a través da súa profesora Dona Isabel Martínez Cabaleiro, profesora de Informática. “Nesta segunda participación voltamos a gañar o primeiro premio e, nesta ocasión, tamén o premio ao centro con maior participación”, afirmou Martínez.

Por outro lado, o alumno Rodrigo González Rouco, de 4ºESO A, é o gañador do Concurso de deseño #Enreda na Rede, organizado pola Fundación Barrié e a Asociación ARELA, dentro do seu programa Ktorce18.

O escolar creou o slogan «Pensa antes de enviar…» e unha representación gráfica que o acompaña sobre o bo uso das redes sociais entre adolescentes, participando neste concurso a través do centro dentro da materia optativa de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).