A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Goberno pola investigación aberta polo Seprona a raíz da brutal morte e maltrato a cabalos salvaxes na serra de Oia.
Fernández destaca na iniciativa dirixida ao Executivo que “os cabalos que recibiron tan brutal trato pertencen a unha especie milenaria en vías de desaparición, denominada “garranos”. Son cabalos salvaxes que viven en montes da zona aínda que teñen donos. Estes animais poden verse nas coñecidas “rapas das bestas”.
A parlamentaria de En Marea formula unha serie de preguntas ao Goberno para saber se o Seprona abriu unha investigación sobre estes feitos, se sabe cal pode ser a autoría, “que medidas se van adoptar, que sancións no caso de determinar a autoría”. E quer saber se o Seprona vai estabelecer algún tipo de vixianza na serra de Oia para evitar que se repitan actos tan crueis.
Na iniciativa parlamentaria recolle o estado no que apareceron os cabalos, tanto os mortos como os feridos, e o impacto que causou na Asociación de Gandeiros de Cabalos de Oia.
Pola súa banda, o deputado Francisco Casal lembrou que o acontecido é consecuencia de que os équidos non estén recollidos na Lei Galega de Benestar Animal, polo que a proposta presentada por este grupo no Parlamento «é que se inclúan».