O pasado 21 de decembro as 20:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán, e organizado polas mareas municipalistas do Val Miñor que forman parte de En Marea, Eu-Son Baiona, Gondomar Concello Aberto e Nigrán Decide, celebrouse un Encontro Comarcal aberto á veciñanza coa temática “Alternativa para un Territorio Vivo. Sen lumes. En verde. Con futuro.”

Neste encontro, que contou cunha notable afluencia de público, debateuse durante máis de dous horas sobre as causas da vaga de lumes do pasado outono, contando con intervencións, entre outros, de expertos da Consellería de Medio Rural, bombeiros, parlamentarios de En Marea e seu portavoz no parlamento de Galicia, Luis Villares.

As principais ideas que se expuxeron concordan coas liñas políticas e argumentais da nosa formación, no senso de que a única solución posible para o noso rural pasa por unha reformulación da ordenación do territorio que faga que este volva ser explotado de maneira racional e sustentable, cuns servizos axeitados e equiparables aos das zonas urbanas para a súa poboación; pola asunción da realidade do cambio climático e pola consecución dun pacto nacional galego polo territorio,” indican dende En Marea.

Por outra banda, explican, “somos conscientes, e así se constatou tamén na xuntanza, de que os intereses económicos das grandes corporacións, como son Ence ou Finsa, cuxa actividade baséase na depredación dos nosos recursos naturais, e a clara conivencia do goberno do Partido Popular con ditos intereses, así como coas empresas privadas de extinción de incendios son un gran obstáculo para a consecución destes obxectivos, aínda que todos os nosos esforzos seguirán centrados na súa procura, e a nosa man tendida para conseguilos”.

Neste senso, e xa a nivel comarcal do Val Miñor, unha das primeiras medidas que tomamos é a posta en marcha dunha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento de Galicia para a creación de un Parque de Bombeiros público no Val Miñor,” finalizan.