A Asociación Espazo Lectura vén de recibir o Premio Follas Novas do Libro Galego na categoría “Promoción da lectura”, ao que tamén optaban As Comadres das Letras e a Revista O Papagaio (o xornal da xente miúda). Yaiza Peixoto, presidenta da entidade, recolleu o galardón na gala celebrada o pasado sábado no Teatro Principal de Santiago de Compostela, á que acudiu con membros da actual e anterior directiva.

“Estamos moi orgullosos da dinamización lectora que levamos a cabo en Gondomar e no Val Miñor”, expresou a representante da asociación, e engadiu, “gustaríanos que o traballo diario de Espazo Lectura fose un posible paradigma para a dinamización lectora en lingua galega”.

No seu discurso agradeceu o traballo de todas as persoas e institucións que apoian o proxecto: voluntariado, familias, socios protectores, autores e autoras, contacontos, compañías teatrais e musicais, librarías, e ao propio Concello de Gondomar. Salientou tamén “a boa saúde” da que goza Espazo Lectura despois de 18 anos, representada pola nova directiva, que lle dá continuidade, e as máis de cen actividades que se levan a cabo cada ano.

A presidenta fixo tamén mención ás iniciativas que se van a poñer en marcha nos vindeiros meses, como o documental “A rebelión da lectura”, que relatará a historia e esencia da asociación, ou o Museo do Conto, que albergará novos espazos de encontro e amizade ao redor dos libros, “nos que os adultos, nenos e nenas, mozos e mozas e familias poidan tecer unha sociedade o máis libre, crítica e creativa posible”.

Oito anos despois

Espazo Lectura xa recibiu este mesmo recoñecemento no ano 2016, coincidindo coa primeira edición destes premios, convocados pola Asociación Galega de Editoras a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

“A nosa ilusión é contribuír a que todas as galegas e galegos poidan desfrutar dos enormes privilexios con que a lectura agasalla ás persoas que fan dos libros un elemento importante da súa vida”, concluíu Peixoto.