ALFREDO

Esquerda unida de Nigrán solicitou este venres á convocatoria do Consello Sectorial, para que o goberno municipal informe do estado de tramitación do PXOM, así como sobre os informes sectoriais emitidos, «xa que a información que está recibindo a veciñanza é a través dos medios, non tendo moita concreción, ao non informar o goberno local se os informes que recibe son favorábeis ou desfavorábeis«, sinalan. «Hai que lembrar -din- que o PSOE de Nigrán, cando estaba na oposición era o máis firme defensor do Consello Sectorial, órgano de participación da veciñanza na elaboración do PXOM, para deixalo sen un funcionamento efectiva cando chegou ao goberno«.

En concreto, con relación ao informe de Patrimonio, o concelleiro de Urbanismo declarou a prensa que «tardaron un ano e medio en responder desde Patrimonio«, «xa que o Concello de Nigrán enviou en outubro de 2018 o PXOM para a súa aprobación e Patrimonio emitiu o informe o 19 de decembro de 2019, 14 meses despois», aseguran dende EU.

En dito informe, a Dirección Xeral de Patrimonio conclúe que «cómpre requirir a incorporación das correccións que se derivan do presente informe e remitilo novamente para a súa avaliación pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural«, ignorándose se foi enviado de novo á Patrimonio para a nova avaliación..

Entre as incorreccións que sinala o informe de Patrimonio está que a ruta que se delimita do Camiño Portugués da Costa non se corresponde coa recollida no Plan Básico Autonómico, nin que a súa contorna ten protección.

Entre as correccións que se derivan do informe de Patrimonio, ademais de solicitar a incorporación de barios xacementos arqueolóxicos recentemente achados ou rexistrados, a necesidade de avaliar a procedencia da catalogación dos camiños identificados no escrito da Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807, está a corrección do Camiño Portugués da Costa, «xa que a ruta que se delimita non se corresponde coa recollida no PBA en varios tramos das parroquias da Ramallosa, Nigrán e Priegue«, explican.

«Compre destacar que o edil de urbanismo declarou posteriormente á prensa que xa se recibiran todos os informes da Xunta de Galicia«, sinala José Cuevas, coordinador local de Esquerda Unida, para continuar indicando que «o que non dixo foi se eran favorábeis ou non, polo que se debería aclarar no Consello Sectorial do PXOM. Esquerda Unida quere unha pronta aprobación do PXOM de Nigrán, pero que se tramite coa máxima transparencia e participación da veciñanza».