Concello de Nigrán e Instituto de Estudios Miñoranos ofrecen mañá mércores ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a charla de Eva Mejuto sobre o seu libro ‘Memorias do Silencio’, enmarcada na programación especial da ‘Volta das Nove’.

Trátase dunha novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial. Esta está protagonizada polas irmás Touza, que desde Ribadavia crearon unha rede de evasión para afastar aos xudeus do holocausto nazi salvando a máis de 500. Finalista do Premio Jules Verne, Mejuto regresa á narrativa xuvenil con esta obra, logo da súa incursión con ’22 segundos’.

Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Lola é unha muller brava e xenerosa, que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade.