A mostra, composta por paneis informativos sobre os proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos e as actividades de concienciación, permanecerá na Praza do Reló do 1 ao 10 de setembro para dar a coñecer a entidade, da que o Concello guardés é socio.

A mostra “20 anos a Fondo coa solidariedade”, coa que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora o seu vixésimo aniversario, amosarase na Guarda entre os días 1 e 10 de setembro. Os paneis da exposición permanecerán instalados na Praza do Reló para divulgar o labor realizado por esta rede de administracións locais comprometidas coa solidariedade internacional, e recoñecida como axencia municipal da cooperación galega.

O obxectivo da exposición, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro, é dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento. Para isto, os paneis que compoñen a mostra dan un repaso pola orixe do Fondo Galego e os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos, así como as actividades de sensibilización acometidas en Galicia, entre outros contidos.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.