Exposición na Guarda sobre o legado das Marcas dos Pescadores

O pasado sábado, a Casa dos Alonsos da Guarda acolleu a inauguración da Exposición «Marcas de Pescadores de Póvoa de Varzim e da Guarda», unha exposición que recolle unha mostra fotográfica, de aparellos de pesca, artigos e escritos sobre a historia do mar e dos seus pescadores.

Despois do seu paso por Póvoa de Varzím, onde foi inaugurada a principios do pasado mes de xullo, a Exposición das «Marcas dos Pescadores de Póvoa e da Guarda» chega finalmente á Guarda, contando ademais cunha visita de honra, a chegada ao Porto da Guarda da embarcación tradicional «Fe em Deus», que fixo a súa travesía de 5 horas dende o municipio portugués ata A Guarda con unha quincena de tripulantes a bordo, sendo recibidos á súa chegada por varias embarcacións de pescadores, do clube de Remo Robaleira e as autoridades locais xunto co Vicepresidente da Câmara de Póvoa de Varzim.

Antes da inauguración, varios veciños puideron participar nunha travesía a bordo desta singular embarcación «povoeira» pola costa da Guarda, unha travesía na que se demostrou o bo facer da tripulación de Póvoa de Varzim, co izado da gran vela e o cambio da mesma en alta mar.

Ás 19:00 horas tiña lugar o acto de inauguración, que contou coas intervencións do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; o vicepresidente da Câmara de Póvoa, Diamantino, Luís Diamantino Carvalho Batista; o secretario da Asociación Piueiro, Celso Fariñas; o Presidente de Anabam e guía da tertulia, Agustín Ferreira e tamén da Comisaria desta exposición, Deolinda Maria Veloso Carneiro, xunto con máis de medio cento de asistentes.

Despois dunha breve explicación sobre os diferentes contidos desta exposición Agustín Ferreira Lourenzo encabezou unha breve tertulia, na que participaron pescadores de Póvoa de Varzim e da Guarda, onde se intercambiaron experiencias, anécdotas, memorias e sobre todo, afondar a forte vinculación existente entre estes dous municipios.

Destacaron algunhas curiosidades coma as marcas que deixaban os pescadores de Póvoa de Varzim na Porta da Capela de Santa Trega, ou a tradición de subir á Capela a «virar a tella» para pedirlle á Santa que cambiase o vento para poder voltar navegar cara a Póvoa de Varzim.

As fronteiras non separan as augas do mar e aos seus pescadores, nos tempos de barcos a remos e velas os povoeiros tiñan moita vinculacións con Galicia e coa Guarda, onde atopaban abrigo ante os temporais do mar e onde tamén visitaban a ermida de Santa Trega. As súas marcas foron sempre un punto en común entre eles, unha maneira de identificarse entre si, nun tempo no que non existían outras formas de comunicacións ou de distinción, compartindo as marcas coma un nexo histórico-cultural común.

A Exposición Marcas dos Mariñeiros pódese visitar ata o 6 de outubro en horario de 7:30 a 15:00 horas e de 19:00 a 20:30 horas, enmarcada nos actos previos á celebración do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na Guarda do 11 ao 14 de xullo de 2019.

Exposición na Guarda sobre o legado das Marcas dos Pescadores