Gondomar acolle dende o xoves 28 e ata o sábado 30 de xullo, e por segundo ano consecutivo, o festival de danza Abanea
Esta mañá o alcalde, Paco Ferreira, xunto con membros da organización, detallaron toda a programación. Ferreira destacou que “o Concello de Gondomar ten unha aposta decidida pola cultura en xeral e particularmente pola danza, co apoio constante as 4 escolas de danza existentes no noso municipio, e coa programación dun festival de tanto prestixio a nivel nacional e internacional como é Abanea”.
Abanea é un festival asociado á rede estatal Acieloabierto, rede de festivais de danza en espazos non convencionais e patrocinado pola Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22 e Concello de Gondomar.
A programación ten dúas liñas diferenciadas: formación e exhibición atravesadas pola intención de conectarse co sector profesional e coa cidadanía.
O programa de formación dispón tres obradoiros impartidos por Ángel Durán, Raquel Ferradás e Clara Ferrao e Javier Mosquera de la Vega.
O programa de exhibición fórmase coa presentación dos espectáculos de Lasala (País Vasco), Fran Sieira (Galicia), Ángel Durán (Catalunya), La Macana (Galicia), La Galga (Madrid), Eyas Dance Project (Madrid), Marta Alonso Tejada + Dj Afro Brix (Galicia), Carla Segovia e Guillermo Aguilar (México), Colectivo Glovo (Galicia), Colectivo La Incendiaria (Catalunya – Galicia).
Ademais da exhibición de espectáculos farase a proxección de pezas de vídeo danza de creadoras de Galicia e Buzón de Baile – Radio3 – RTVE. Abanea quere afondar no formato de vídeo danza, protagonista do obradoiro impartido por Clara Ferrao e Javier Mosquera de la Vega.