A Concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM) e baixo o goberno da concelleira Nuria Lameiro Valverde, pon en marcha, unha vez mais, o campamento urbano Gondoverán, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.
Gondoverán é un campamento de lecer e tempo libre para fillas e fillos de familias traballadoras, ademais dunha Medida Municipal de Conciliación de Promoción Autonómica, validada como tal pola Secretaría Xeral de Igualdade no 2012. Polo tanto, o seu obxectivo é o de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, con posibilidade de 8:00 a 15:00 horas, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral da nena/o a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento do entorno próximo, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.
Contarase con 100 prazas para rapaces e rapazas que teñan o seu empadroamento no Concello de Gondomar, nados entre os anos 2006 (non poderán facer 13 anos antes da finalización do campamento) e 2016 (deberán ter feitos 3 anos ao inicio do campamento) e cuxos proxenitores sexan persoas traballadoras en activo (por conta allea ou propia). En caso de quedar prazas libres serán admitidos/as doutros concellos, con preferencia de aqueles cuxos proxenitores sexan traballadores no municipio de Gondomar. Estas prazas serán adxudicadas por orde de entrega de documentación a través do Rexistro no Concello ou na sede electrónica.
A inscrición realizarase do 7 ao 21 de maio a través do Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, en horario de 8:30 horas a 14:00 horas, ou ata as 24:00 horas a través da Sede Electrónica. O prezo será de 65€ neno/a.
Para calquera dúbida os/as interesados/as poderanse dirixir ao CIM, na Casa da Cultura, nos teléfonos 986 389 355/986 360 224 ou no seguinte correo electrónico: aio@concellodegondomar.com