Este martes, ás 16:30 horas no CEIP Número 1 de Tui, terá lugar a I Xornada Inclusiva: unha xornada na que acudirán diferentes asociacións que colaboran dende a voluntariedade (ACEESCA, Anarela, APAMP, KOKO, San Xerome Emiliani e o Anpa Diómedes co servizo de ludoteca) no noso “Camiño cara á inclusión” co obxectivo principal de sensibilizar e concienciar ao conxunto da comunidade educativa de que a diversidade forma parte da nosa identidade social, de que todas as persoas somos diferentes e por iso partimos da idea de que todas temos diferentes capacidades.

Este camiño á inclusión é o título do proxecto educativo inclusivo do CEIP Número 1 de Tui que xurde da realidade e contexto educativo e que comezaron o seu deseño no curso 2018/2019 pero é no actual curso escolar cando están a poñelo en marcha. «Deseñamos catro ámbitos de aprendizaxe inclusivos no que ten cabida todo o noso alumnado e as súas diferentes formas de aprender (ámbito natural e social, ámbito STEAM, ámbito do club de letras e ámbito artístico). Nestes ámbitos tratamos de optimizar recursos humanos e de proporcionar ao alumnado vivencias interniveis (que abrangue dende infantil ata a etapa primaria), mesturando cursos de diferentes idades en cada un dos ámbitos e agrupando ao alumnado en grupos mais reducidos, onde os mestres e mestras podemos facilitar unha atención mais individualizada», sinalan dende o centro.

O seu obxectivo primordial como centro educativo é potenciar as diferentes capacidades do alumnado prestando especial atención a deseñar unha aprendizaxe que sexa universal (DUA: Deseño Universal de Aprendizaxe) onde cada neno ou nena aprenda dun xeito distinto ao resto respectando os seus ritmos e proporcionando múltiples formas de representación (auditiva, visual…), implicación (medios de comunicación e métodos de resposta diversos…) e expresión (motivación, autoavaliación, minimizar as inseguridades…). «O papel que asumimos os docentes do Ceip Número 1 de Tui é o de facilitar e poñer a disposición do noso alumnado un amplo rango de opcións para acceder á aprendizaxe», indican.

«Ao finalizar as charlas da xornada teremos unha mesa redonda na que participarán o inspector de educación da zona, a directora do centro Nuria Garabal González, a xefa de estudos Marta Álvarez Iglesias, así coma algunhas familias de alumado escolarizado en diferentes etapas», finalizan.