O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras de humanización da rúa do Cean dentro da política de mellorar a seguridade viaria e peonil dos espazos ruráis que vertebran o seu territorio.

As obras, cun orzamento de 132.000 € ao cargo do Plan Concellos 2018, inclúen a construción de beiravías accesibles, habilitar aparcamentos en liña, reparar o firme, mellorar a instalación de pluviais, renovar o saneamento ou nova luminaria LED.

Con este obxectivo, eliminaranse as canaletas de formigón existentes para ter drenaxe soterrado, o que permitirá ampliar a estrada e pavimentar. Contémplase tamén a execución dun paso de peóns sobreelevado á altura do parque infantil para a máxima seguridade dos peóns.

O proxecto contempla que o terreo cedido se peche cun muro de bloques de formigón de contención e malla, manténdose os carballos existentes neste espazo. Asimesmo, fronte ao Cemiterio Municipal e co fin de preservar e por en valor esta contorna, a pavimentación será de adoquín en granito con 6 alcorques onde se plantarán cipreses de 4 metros de altura. O Cruceiro tamén será posto en valor cun axardinamento do pé do mesmo.

Estas obras conlevan o retranqueo de 9 postes telefónicos e de alumeado público (a sustituír por LED) que se canalizarán baixo a beiravía, ademais asfaltarase a estrada e procederase ao conseguinte pintado da sinalización horizontal.