Andaina da Romaría de São João d’Arga

O martes 28 de agosto retomaranse as andainas organizadas polo Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha, coa Romaría de São João d’Arga.

Organizada pola Unión de Parroquias de Caminha e Vilarelho, co apoio da Cámara Municipal de Caminha, a andaina da romaría contará cun percorrido de 20km, cunha dificultade media-alta, dende Caminha ata Arga de São João, sita na Serra d’Arga. Este é o percorrido que facían os peregrinos na véspera da festa.

No camiño pasaremos polas parroquias de Vilarelho, Venade, Azevedo e Dem. Haberá pausas durante a ruta, para descansar e agrupar aos participantes. En Dem, a organización programou un descanso máis longo para un breve avituallamento e, ao final da andaina, os participantes poderán compartir o xantar que leven como marca a tradición.

A chegada ao mosteiro de Arga de São João está programada para as 19.00 horas. O autobús de regreso a Guarda agardará aos participantes en Santo Aginha (Arga de São João), a uns 2 km do mosteiro, sobre as 21.30 horas, polo que a chegada a localidade da Guarda está prevista a partir das 22.00 horas, despois de desfrutar da tradicional romaría de Sao Joao d’Arga.

Aquelas persoas interesadas en asistir a esta emblemática festa de Caminha deben inscribirse do 23 ao 27 de xullo na Oficina de Turismo da Guarda no teléfono 986 614 546, ou ben a través do enderezo electrónico turismo@aguarda.es. O traslado dos participantes realizarase en autocar se hai un mínimo de persoas inscritas.