Iván Fernández toma o relevo a Francisco Bouzo na xefatura da Agrupación Protección Civil de Tomiño
Iván Fernández y Francisco Bouzo

No 2018 realizaron máis de 200 servicios: a maioría poden cualificarse coma operativos preventivos programados (en eventos deportivos, lúdicos, culturais) e intervencións directas (retirada de avespas, recollida de animais abandonados,  accidentes e incendios) con máis de 2.100 horas de voluntariado.

Tras as votacións realizadas hai uns días, Iván Fernández tomou o relevo a Francisco Bouzo na xefatura da agrupación.

Iván Fernández, técnico en Emerxencias Sanitarias e traballador do 061, leva colaborando coa agrupación 11 anos. Apoiar á Policía Local, aos bombeiros ou realizar operativos preventivos, son as tarefas máis habituais, e as menos amables, os accidentes e a atención aos familiares das vítimas. Na actualidade a agrupación conta con 23 persoas, dúas delas mulleres, dunha media de idade de 30 anos. Fernández explica que 23 voluntarios non son suficientes e alude ao espírito de solidariedade das persoas do municipio, para que se sumen a un proxecto “gratificante e enriquecedor”.

Pola súa banda, o Concelleiro de Seguridade e Tráfico, Manuel Álvarez, salienta o traballo desinteresado dos membros do grupo. “Protección Civil presta servizos de relevancia en accidentes, incendios e una serie de actos públicos que requiren control e seguridade dos participantes e da poboación. O seu papel é moi salientable xa que moitas veces son os primeiros en chegar a escenarios de emerxencias. Por ese motivo e dada a importancia do seu traballo, os seus membros están continuamente formándose en cursos de primeiros auxilios e perfeccionando os seus coñecementos en temas de emerxencias”, sinala.