As persoas propietarias das 105 vivendas do barrio de Torneiros que poderían rehabilitarse co millón de euros concedido polo Goberno de España con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) corren o risco de non beneficiarse destes fondos estatais pola mala xestión que está a realizar o Concello do Porriño.  

O secretario xeral de Economía e Emprego do PSdeG, Abel Losada, e o voceiro municipal socialista, David Alonso, visitaron Torneiros e denunciaron o deficiente asesoramento que se está a prestar, toda vez que o Concello renunciou a montar unha oficina exclusiva para este fin no propio barrio.

Alonso recordou que o millón de euros foi concedido ao Porriño durante o mandato anterior e o actual alcalde “xestiona esta herdanza con desgana”. Explicou que creouse unha oficina municipal integrada por persoal funcionario con moita carga de traballo e debería optarse canto antes por poñer en marcha unha oficina dedicada exclusivamente ao acompañamento das comunidades veciñais e, ademais, situada fisicamente en Torneiros.

“As subvencións poden chegar a unha trintena de edificios e hai que ser proactivos, hai que falar coas comunidades, asesoralas e mesmo mediar na resolución de conflitos veciñais; hai que facer todo o posible evitar que os cartos se perdan”. Engade que o actual alcalde xestiona “con desinterese porque, por sorprendente que pareza, lle incomoda esta herdanza da anterior alcaldesa socialista”.

Alonso engadiu que o Concello leva 9 meses negándolle ao grupo socialista o acceso ao expediente municipal e nos próximos días formularase un recurso contencioso para reclamar o acceso a un expediente “que se move pouco”.

Pola súa parte, o secretario xeral de Economía do PSdeG, Abel Losada, engadiu que O Porriño “ten a obriga moral” de facer todo o posible para que non se perda nin un só euro dese millón de euros para rehabilitar 105 vivendas de xente traballadora e que necesita que as obras vaian para adiante. Recordou que o Goberno de España asignou a Torneiros a segunda maior subvención de toda a provincia, tan só por detrás do barrio vigués de Coia.

Losada explicou que, agora mesmo, a provincia de Pontevedra está a recibir 18 millóns de euros de fondos estatais para a construción de case 400 vivendas públicas en Pontevedra, Vigo, Mos e Tui e case 10 millóns de euros para programas de rehabilitación de 1.320 vivendas en barrios de Pontevedra, Vigo, Marín, As Neves, Ponteareas, O Porriño e Mondariz-Balneario.

Unha cifra que considerou “moi necesaria para sacar a Galicia da parálise total destes últimos 15 anos en políticas de vivenda pública por parte da Xunta de Galicia, que é a Administración competente”.