O programa da Televisión de Galicia (TVG) Grandes Lugares dedica o programa desta noite a Mabia, na parroquia de Loureza, en Oia. A emisión será as 23:34 horas.

Grandes Lugares é un docusoap de entretemento, de 50 minutos, que pretende amosar, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de dúas poboacións galegas con moito para contar.

A través dun percorrido polos seus habitantes, costumes e peculiaridades, o programa presta atención a lugares especiais, ao seu modo de vida, ás súas orixinais iniciativas, aos aspectos menos coñecidos do seu día a día e tamén ás historias máis persoais.

Os protagonistas destes pequenos lugares, aldeas ou vilas, serán os que relaten as súas vivencias e vida social máis representativa, desde espazos que transmiten un sentimento de pertenza, de familia e de benestar no rural.

Un mapa de situación indicará ao inicio de cada programa o lugar elixido, reforzando coa súa imaxe o que podería ser a priori un lugar pequeno, e cada personaxe levará unha ficha de presentación explicando a súa relación coa contorna; así pois, os habitantes do lugar convértense en narradores para facer un retrato o máis fiel posible de cada localidade, da súa vida e da súa xente.