Máis de 50 persoas aproveitaron os cursos de preparación dos exames de ESO, ciclos medios, superiores e de competencias clave, organizados polo Concello de Tomiño, co fin de achegar formación a aquelas persoas que interromperon os seus estudos secundarios ou primarios por diferentes causas.

Repartidas case por igual con respecto ao xénero, o 60% das persoas que se apuntaron a clases o curso pasado, tiñan entre 25 e 45 anos; habendo un 20% de menores de 25 e outro tanto de maiores de 45.

A docencia estivo a cargo esta vez de Radio Ecca, que desenvolveu o seu traballo de formación a través dunha aplicación on-line e só dúas clases presenciais á semana.

O esforzo das persoas máis constantes e que non faltaron practicamente a ningunha clase, viuse recompensado cos aprobados a todos os ámbitos da ESO ou, ao menos, a algúns deles, o mesmo que ocorreu nas probas para o acceso aos ciclos medios e superiores.

O Concello está apuntando xa para o vindeiro curso que comezará a principios de outubro de 2019. As persoas interesadas poden inscribirse ou informarse na Oficina de Desenvolvemento Local de Emprego do Concello de Tomiño.

A concelleira de Educación, Cristina Martínez, salientou a aposta decidida do Concello pola accesibilidade á formación de todas as persoas; compromiso desta e das anteriores lexislaturas do goberno local.