A partir deste venres, 10 de xullo, pódense ver xa en Youtube os cinco capítulos dan web-serie feminista “Monstras”, de Corentena Producións, con guión e dirección de Eire García Cid.

Foron 23 as persoas, todas mulleres, que participaron na gravación desta web-serie, financiada en réxime de crowdfunding. Entre elas, as actrices Patricia Torres, Antela Cid e Neves Rodríguez; a directora de fotografía, Bea Saiáns; e a propia directora Eire García Cid, todas elas veciñas do Val Miñor.

Monstras” agocha unha historia de ficción producida cunhas características e baixo unhas condicións únicas en Galicia. Trátase dun proxecto excepcional que consideran necesario para o convulso momento político e social que atravesamos. En Corentena Producións traballan coa convicción de que é unha web-serie polémica, pensada para o debate e a reflexión, nun contexto no que o monstro da ultradereita se desprega en ofensiva de poder heteropatriarcal.

Excelente dirección de actrices, música ben acaída, coidada fotografía, guión de actual e forte contido feminista, referenciado historicamente na nosa sociedade, fan de “Monstras” unha proposta cinematográfica áxil, diversa, sorpresiva.