Na mañá do pasado sábado, na ​Praza da Paradela​, presentouse publicamente a ​Plataforma Gondomar, Fibra XA!, un colectivo nacido da iniciativa dun grupo de persoas que hai varios meses decidiron sumar esforzos para conseguir que a fibra óptica chegue e se poña en funcionamento canto antes en todo o concello de Gondomar. Durante a rolda de prensa estiveron presentes representantes dos colectivos sociais e dos grupos políticos da corporación municipal, que foran convidados expresamente.

Nas declaracións publicas sinalaron a necesidade de avanzar na mobilización “porque se o acceso a Internet xa era importante antes, nos últimos meses adquiriu unha importancia crítica. Neste tempo de confinamento, de teletraballo e clases online, de vídeo-conferencias e envíos e descargas masivas de todo tipo de arquivos, fíxose máis evidente a precariedade da conexión a Internet nas parroquias de Gondomar”, sinalan dende a plataforma.

A Internet xa non é un servizo para ricos, un ocio para frikis, nin é un acceso vip a un club privado. Na sociedade da información e a comunicación trátase dunha necesidade e dun dereito básico, un servizo fundamental parello á auga, a luz ou a calefacción”, apuntan, e lamentan que a veciñanza non só estea a pagar ás operadoras por un servizo que non dan, senón que tamén estea a subvencionar cos seus impostos unha expansión da fibra óptica que non dá chegado.

O colectivo considera que as empresas responsables do despregamento da fibra teñen a obriga de cumprir os prazos establecidos, e as administracións que o subvencionan a responsabilidade de facelos cumprir. «Ambas partes, empresas e administracións, deben ademais axilizar solucións para superar calquera atranco no camiño. Consideramos tamén imprescindible a necesaria implicación do goberno municipal na procura dun servizo de calidade para todo o concello«, apuntan.

Con esta presentación pública, a ​Plataforma Gondomar, Fibra XA! inicia unha campaña de popularización e acumulación de apoios que lle dean a forza necesaria para esixir e conseguir que todo Gondomar poida gozar dunha Internet de calidade. “Animamos a veciñas e veciños a que coloquen un dos carteis reivindicativos nas ventás, nos balcóns, nos negocios, nos coches, nos perfís das redes sociais; a que participen activamente no Facebook ou Twitter da Plataforma; a que conviden a outras persoas a se sumar a esta iniciativa”, finalizan.