O salón de plenos do concello de Nigrán acollerá este luns, ás 12.00 horas, a inauguración da exposición da Deputación “Achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar”.

Trátase dunha mostra promovida pola institución provincial, en colaboración coa Universidade de Vigo, co obxectivo de darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. Poderá visitarse de luns a venres, de 9:00 a 15:00 horas, dende este luns ata o martes 26 de febreiro.

“Achegas a mulleres do mar” chega a Nigrán tras o seu paso polo Salón de Plenos de Cambados, pola Sala de Exposicións do Concello do Rosal, polo Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en Poio, pola Praza de Abastos de Mondariz, polo Museo do Mar da Guarda, polo Campus de Ourense, polo Campus de Vigo e polo de Pontevedra.

De feito, foi neste último campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández.

Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.