ALFREDO // Un autobús de la empresa ATSA

O Concello de Nigrán ven de contratar o seu primeiro plan de mobilidade sostible para o Municipio a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra de 18.150 €. O traballo, encargado a Soltec Ingenieros S.L e que estará listo tralo verán, busca un planeamento coherente e factible que permita facer un plan director que non só establecerá as bases para futuras actuacións concretas, se non que abrirá as portas para poder optar a subvencións e axudas da Unión Europea no eido do transporte sostible (e requerimento imprescindible contar con este plan).

Seguindo a política establecida polo goberno local neste anos, establécese como prioridade ao peón, seguido do ciclista, o transporte público e, finalmente, o vehículo privado. Actualmente, tras manter a semana pasada o goberno local e os redactores do plan encontros coas diferentes entidades veciñais para coñecer as súas demandas e suxerencias, na web municipal figura unha enquisa dirixida a toda a poboación do municipio para coñecer máis polo míudo as carencias e necesidades das persoas. Nunha primeira aproximación o plan director centrarase nestas posibilidades: unha liña de autobus circular, unha mellora de aparcamentos nos principais núcleos urbanos, creación dun carril-bici Panxón Ramallosa e, finalmente, reforzar as infraestruturas para coches eléctricos.

Outra cuestión que está a analizar o plan é a posibilidade de mellorar os aparcamentos existentes, especialmente en zona urbana, onde se detectan carencias que son importantes subsanar (centro de Nigrán, Ramallosa ou Panxón). Ademais, estudará a implantación dun carril-bici Panxón-A Ramallosa coas características básicas en medidas de seguridade deste tipo de infraestrututas (obviamente, sen ocupar beiravías e sen desprazar nunca ao camiñante nin prexudicar a ninguén).

Finalmente, e dentro do plan do Concello para fomentar o uso de vehículos non contaminantes, o plan aposta por implementar as infraestruturas destinadas aos vehículos eléctricos establecendo, entre outros aspectos, máis electroliñeiras (o propio Concello conta con unha de uso público e gratuíto dende hai un ano).