Concello de Nigrán
RUBENS // Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán e o Instituto de Estudos Miñoranos continúa mañá o mes da ‘Memoria’ cun acto ás 20:00 horas no Auditorio Municipal no que se intercalará a interpretación de cinco pezas a cargo da violonchelista Margarida Mariño e coa lectura de textos narrativos alusivos a represión no Val Miñor trala Guerra Civil.

A entrada é de balde. Margarida Mariño, licenciada polo Conservatorio Superior de Música del Liceu de Barcelona no 2014, participou o ano pasado na homenaxe da ‘Volta dos 9’.

Por outra banda, o martes 7 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal terá lugar a presentacion do libro ‘Os nomes do terror. Galiza 1936’, coa presenza de varios dos seus autores. Esta obra constitúe o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores en Galicia que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror.

O acto estaba previsto para o martes 17 de outubro pero foi posposto debido á declaración de loito oficial no Concello de Nigrán.