O Concello de Nigrán substituirá as 169 luminarias antigas de vapor de sodio nas rúas Reverendo José Mª Alonso (Nigrán), Padres Franciscanos, Francisca Lago e Rans (San Pedro) por 84.109 €, dos cales o Concello aportará 9.321,91€ e a Deputación de Pontevedra 7.500€, o resto son a través de fondos FEDER europeos.

O troco permitirá reducir o consumo de 16,06 kWh a 4,38 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico ademais de mellorar a calidade da iluminación e reducir a contaminación lumínica concentrando a mesma nos viarios públicos.

«O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio«, indica Juan González, alcalde de Nigrán.

De feito, as aubstitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.