ALFREDO

O goberno de Nigrán levará ao pleno ordinario da vindeira semana unha modificación nas bases do servizo municipal de canguros destinado a familias en risco de exclusión social.

O obxectivo é que o servizo inclúa os fines de semana e poida realizar funcións de acompañamento fora do domicilio, como traslado ao colexio ou a unha actividade extraescolar ou de ocio, cuestións que as bases actuais non contemplan e que son demandadas polas persoas usuarias.

O goberno de Nigrán destina unha partida orzamentaria de 5.000 € en 2018 para este servizo destinado as familias con menos recursos que precisan dispor dun tempo determinado para realizar actividades de tipo laboral, formativo, sanitario ou social, pero ao mesmo tempo se trata tamén de ofertar aos menores cuidados básicos e atencións de carácter lúdico e educativo. Por outra banda, implica a contratación de persoal cualificado, polo que contribúe a crear emprego.

Os principios do programa recollidos nas bases son a flexibilidade e multifuncionalidade, é dicir, poderase acceder ao servizo en diferentes momentos e horarios, conforme aos intereses da unidade familiar; o benestar do menor; e intervención personalizada grazas a un contacto previo para dar respostas concretas a cada necesidade. Para acceder ao servizo é preciso estar empadroado en Nigrán, que estea xustificada a petición do mesmo e cumprir cos requisitos de natureza económica establecidos (a modo orientativo, unha familia de dous membros non pode exceder os 15.745 €/ano e unha de catro os 22.6673 €). Asimesmo, o prazo de solicitude estará aberto todo o ano.