Rematar coa práctica de botar glifosato (herbicida utilizado para o control das malas herbas nos parques e zonas verdes) nas cunetas do concello e conseguir un transporte público ao Hospital do Cunqueiro, foron as dúas reclamacións máis importantes que fixo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada por parte do seu equipo, á valedora do pobo, Milagros Otero Parga, durante a xuntanza que mantiveron este mediodía na Casa do Concello.

A rexedora local aproveitou a ocasión tamén para reclamar axuda para a prevención de lumes, e extinción de niños de vespa asiática; temas nos que o concello se atopa “desbordado”, por falta de medios e de persoal, e que ademais exceden a súa competencia.

A valedora, pola súa banda, ofreceuse a avanzar en temas de transparencia e interesouse polo funcionamento da Sanidade e dos Servizos Sociais do Concello.

A funcionaria agradeceu a boa acollida do Concello de Tomiño e afirmou que a súa visita tiña coma fin “porlle cara á institución e traballar para a xente non para facer política”. “Non somos unha oficina burocrática; estamos para atender ás persoas”, salientou.

A valedora asistiu á reunión acompañada polo seu adxunto, Pablo Cameselle Martínez, con quen recorreu o Mercado Municipal, trala visita ao Concello.

Pola tarde, a valedora atendeu ás reclamacións e queixas que a veciñanza quixo realizar. Cidadáns en xeral e representantes de asociacións, coma Vontade, para persoas con discapacidade, aproveitaron para achegarse até o Salón de Plenos e facerlle algunha consulta.